Pasar al contenido principal

Presentación do roteiro literario Bernardino Graña

FacebookTwitterShare
Presentación do roteiro literario Bernardino Graña

Cangas centrarase esta fin de semana en enxalzar a vida e obra do autor Bernardino Graña grazas ao roteiro literario que está programado para o sábado día 23 de setembro ás 11:30 horas.  A súa duración será de hora e media e partirase da casa de nacenza do escritor, pasando pola Alameda Nova ou a Casa da Cultura, entre outros. Será unha forma de abranguer todo o espazo vital e, á súa vez, artístico literario de Graña. Unha actividade que levará a cabo Héitor Mera, concelleiro de Cultura e Normalización Lingüística, o cal foi designado polo deputado provincial Xosé Leal como “experto mundial en Bernardino Graña”.

Este plan cultural forma parte dunha serie de roteiros que vén organizando a Deputación de Pontevedra e cos que se está alcanzado un enorme éxito: “Colaboramos coa Asociación de Escritores e Escritoras da Lingua Galega para revalorizar o patrimonio literario e pór en valor os nosos escritores, así como todo o patrimonio natural ao que pertencen”. Redondela, Tui, Cambados ou A Estrada tamén son outros municipios favorecidos por esta proposta. “A nosa misión é potenciar a riqueza que temos grazas ás letras de persoeiros que sobresaen en diferentes lugares de Galicia”.

Mera afronta este ‘desafío’ cunha grande ilusión e cariño, “a min supúxome unha responsabilidade grande. Teño moita información sobre Bernardino Graña e é difícil de peneirar. Confeso que, para preparar esta actividade, colaborei con outras personalidades como Millán Otero, Antía López, Rafa Fernández Lorenzo ou Miro Villar. Eu fago o roteiro, pero co apoio doutra xente”.

En total, serán 50 persoas as que participen nesta proposta cultural, unha cifra que supón o 100% do aforo. Todas elas poderán incidir na obra e na cultura deste escritor.

A tenente de Alcalde, Mercedes Giráldez Santos, destaca o labor da Deputación provincial por acoller unha iniciativa “marabillosa e diferenciada que pon en valor os nosos concellos. En Cangas, unha das cousas máis importantes é o noso poeta do mar, figura que representa a vida mariñeira. Merece todas as homenaxes e é un prólogo do que vai acontecer”, declaración referida aos futuros plans de converter ao escritor en fillo predilecto da vila, así como facer que a Casa da Cultura leve o seu nome.