Pasar al contenido principal

Presentación da Masterclass Zhumbale Solidaria de ASEM

FacebookTwitterShare
Presentación da Masterclass Zhumbale Solidaria de ASEM

A Asociación Galega Contra as Enfermidades Neuromusculares (ASEM) organiza unha MasterClass Zhumbale Solidaria para o vindeiro domingo, día 8 de outubro, ás 17:00 horas no Pavillón de Rodeira. Un evento que foi presentado hoxe na Casa da Xuventude polo concelleiro de Deportes, Xoán C. Chillón Iglesias, e por Tamara Vila e Almudena Covelo de ASEM Galicia.

A entrada disporá dun prezo de tres euros por persoa, contía que permitirá recadar fondos para proxectos da citada asociación. Todos e todas as asistentes poderán gozar dun festival solidario pensado para as familias, xa que nel inclúense clases de baile, sorteos, merenda ou actividades de animación para os máis pequenos. Ademais do carácter lúdico da actividade, o que se pretende é lograr a visibilización das enfermidades neuromusculares, as que están englobadas dentro das enfermidades raras. Preténdese dar a coñecer o labor de ASEM, unha formación que orienta a toda a comunidade afectada. “Adicámonos a axudar. Agora mesmo o Sergas aínda non ten asumido esta problemática, por iso temos que concienciar a toda a sociedade do que esta enfermidade supón. Queremos reivindicar as barreiras ás que se enfrontan as persoas damnificadas”. Actualmente, unha das vertentes nas que máis está traballando esta asociación é na rehabilitación infantil.

Convén recordar aquí que as enfermidades neuromusculares son un “conxunto de enfermidades hereditarias ou adquiridas que afectan ao músculo, á unión neuromuscular, ao nervio periférico ou á motoneurona espiñal. A súa principal característica é a afectación do sistema nervioso asociada a unha debilidade muscular progresiva que limita moitos aspectos da vida social, laboral, educativa ou afectiva dos que a padecen. En xeral, son desordes crónicos que perduran toda a vida, dexenerativos, xa que os seus efectos avanzan co paso do tempo e actualmente incurables”.

A día de hoxe, ASEM atende a máis de 20 familias na comarca do Morrazo. A nivel galego a máis de 300. Estímase que en España hai arredor de 60.000 afectados por algunha das máis de 150 enfermidades neuromusculares, cunha taxa de prevalencia global de 0,12%.

Xoán Chillón agradece e valora todo o traballo e dedicación de ASEM, por iso, anima a toda a veciñanza a asistir ao evento solidario: “Cangas sempre responde ben, temos que darlle máis visibilidade a estas enfermidades. O día no que se celebra a actividade é propicio: unha tarde de domingo na que o paseo de Rodeira está moi frecuentado. Espero que toda esa xente se pase tamén polo pavillón”.