Ir o contido principal

Nosas parroquias

Aldán

Aldán é unha vila mariñeira, protexida polos Cabos Udra e Punta Couso, onde o viaxeiro pode contemplar as vivendas deste antigo burgo mariñeiro, mesturadas con centenarios hórreos; hórreos que nos amosan a supervivencia dunha arquitectura popular que soubo resistir o paso dos séculos.

Cangas

Capital do termo municipal onde se conforma o núcleo urbano da vila. Un longo paseo marítimo rodeado por xardíns abre camiño cara as estreitas rúas da zona vella que nos descruben a riqueza do seu patrimonio, a arquitectura popular mariñeira, as casas de patín e as súas prazas e igrexas.

Coiro

Coiro é unha parroquia de interior na que o seu principal atractivo son lugares como a Carballeira de Coiro, unha fraga onde se mesturan carballos, castiñeiros, salgueiros e bidueiros, e os numerosos muíños, nos que o viaxeiro pode comprobar como funcionaban estes curiosos enxeños.

Darbo

Darbo posúe un litoral privilexiado que nos ofrece unha vista panorámica de toda a vila e gran parte da ría de Vigo. O Balcón do Rei ofrece un entorno espléndido para os amantes das camiñadas. A parroquia tamén conta con abondosos exemplos de arte popular e arquitectura relixiosa.

O Hío

O Hío, rodeada de mar, deleitaranos coa súa natureza sorprendente: os cantís da Costa da Vela, o parque natural das Dunas de Barra ou os cantís da costa da Soavela. Tamén podemos facer unha ruta a pé ata o monte O Facho, dende onde contemplar unha panorámica das Illas Cíes e Ons e gran parte das Rías Baixas.