Ir o contido principal

Coiro

Coiro
Dirección Situada no leste do Concello

Coiro é, fundamentalmente, unha parroquia de interior, e o seu principal atractivo son lugares como a Carballeira de Coiro, un dos espazos naturais protexidos cos que conta o noso concello. Estamos a falar dunha fraga tipicamente atlántica onde se mesturan especies coma carballos, castiñeiros, salgueiros, ou bidueiros entre outras. O río Bouzós, que atravesa o lugar, esconde numerosos muíños. No muíño  de «Fausto», que foi restaurado, o viaxeiro pode comprobar como funcionaban estes curiosos enxeños.

Coiro é tamén terra de pazos, pertencentes a importantes liñaxes fidalgas. Paga a pena deterse a contemplar os de A Retirosa e O Xistro. Tamén son abondosos os edificios brasonados, como o do Cruceiro, que aínda ostenta o escudo da Inquisición.                

Tamén a Casa Reitoral amosa dúas boas labras heráldicas, representando unha delas á poderosa familia dos Mondragón, marqueses de Santa Cruz de Rivadulla. Pero o máis impresionante é a Igrexa de San Salvador, obra que os irmáns Novas realizaron no 1784, e na que o máis destacable é a torre cunha rica ornamentación barroca.

Lugares de Coiro: Agualevada, Boubeta, Carballal, Castrillón, Costeira, Cruceiro, Debesa, Espírito Santo, Forte, Xielas, Gondorán, Gruncheiras, Igresario, Miranda, Outeiro, Parada, Pedra da Lan, Reboredo, Retirosa, Romarigo, Rosada, Rúa, Trigas e Verín.

Ferevenza CoiroPraias

Canabal, Praia dos Alemáns e Rodeira.

Que visitar

  • Carballeira de Coiro.
  • Igrexa de San Salvador, casa reitoral e miradoiro. 
  • Casa museo de A Mangallona.
  • Muíño de Fausto, no río Bouzós.

Festas e celebracións

  • Festas do Espírito Santo: variable no mes de xuño. 
  • Festas de Santo Domingo, a principios de agosto.
  • Festas de San Salvador, o 6 e 7 de agosto. 
  • Festas de San Cosme, o 26 de setembro.
  • Festa do Muíño.