Ir o contido principal

Rúa Real

Rúa Real

A rúa Real era o eixe xeográfico que estrutura o Barrio do Sinal, e o Barrio do Costal e o Outeiro. Os cruceiros de Síngulis no oeste e o do Sinal no leste, marcaban os límites do concello.

No comezo desta rúa, antigamente chamada Calzada Real, cabe destacar unha fermosa casa restaurada fai poucos anos, que é a de «Merceditas» ou tamén chamada «Casa de Apolinar». Cando rehabilitaron esta vivenda-comercio, descubriron durante a execución das obras, que tiña uns soportais, dos que hoxe aínda se poden ver algunhas pezas orixinais, sendo o resto unha fiel reprodución de como estaría antigamente a casa. Nun lateral do escaparate está colocada unha placa conmemorativa por parte do concello eloxiando a rehabilitación desta vivenda.
 
Un pouco máis arriba, facendo esquina coa rúa Benigno Soage, hai outra vivenda na que se di que residiu o prior da Capela do Hospital e membro da Inquisición, D. Gonzalo Nogueira e Araujo. Esta casa conserva o escudo inquisitorial. Na parte que dá á rúa Real aínda se poden apreciar, inscritas na fachada inferior, unha serie de columnas que, con toda probabilidade, eran as que suxeitaban o soportal que tiña esta vivenda. Todo isto, máis o exemplo da casa anterior, fainos pensar que nos séculos XVIII e XIX a rúa Real puido ser unha rúa de soportais. A función dos soportais era a de protexerse da choiva no inverno e do sol no verán, e seguramente, nos mesmos aproveitaríase para facer a venda dos produtos da terra e outros, pois a praza da abastos como tal non existirá ata o ano 1925.
 
Nesta rúa tamén hai que destacar as casas modernistas de finais do XIX e comezos do XX, coas brancas galerías, en cuxa construción se combinaron novos materiais como o vidro, o metal e a madeira, que ademais de axudar a combater a humidade no inverno, dáballes un toque señorial. Son o caso da «casa de Rosita» (en fronte da Fonte do Cabalo), que data de 1894, a casa do prior na rúa Real, ou a de «Indalecio», que é de 1906.