Ir o contido principal

Escultura de D. Félix Soage Villarino

Escultura de D. Félix Soage Villarino

Naceu en Cangas en 1844 e morreu en Bos Aires en 1924.

Como tantos homes naquela época, emigrou a Arxentina en 1858, con catorce anos, xunto coa súa familia. Alí traballou e adquiriu grandes propiedades dedicadas á gandería e á agricultura, e realizou unha grande fortuna.

Lembrándose da súa vila natal, Cangas, e grazas aos cartos que el achegou, púidose construír o mercado, destruído polo temporal en 1894; facer a pavimentación dos Varrervos; unha traída da auga; o palco da música da Alameda; a reconstrución da bóveda central da Igrexa (que era de madeira) e o órgano; así como moitas necesidades particulares.

No ano da súa morte, en agradecemento o seu labor, a vila de Cangas quixo recordalo nunha escultura que situou na Alameda Vella.

A obra é de Asorey, un dos máis grandes escultores de principios do século XX, e nela vese a combinación de materiais: o busto de Soage, realizado en bronce na parte alta do conxunto, e o que parece a figura dun mariñeiro, vestido con roupa de augas e botas.

Pola parte traseira, unha grosa cadea esculpida na pedra rodea a escultura, e nos perfís sobresaen os extremos dun barco, a proa e a popa.
 
Ademais, o conxunto aséntase sobre un pequeno estanque, no que podería parecer mar. Todo isto lévanos a pensar na figura dun mariñeiro.