Ir o contido principal

Fábrica de conservas e factoría baleeira de Massó

Fábrica de conservas y factoría ballenera de Massó

Massó representa un considerable exemplo da importancia que a pesca, a salgadura e a conserveira, tiveron no desenvolvemento industrial de Galicia. A empresa Massó levantou fábricas tanto no municipio de Bueu como en Cangas de Morrazo, ambas localidades situadas na provincia de Pontevedra, concretamente na península do Morrazo.

 

Datos de identificación

  • Ben cultural: Fábrica de Conservas e Factoría Baleeira de Massó
  • Localización: Fábrica de Conservas en Bueu (Pontevedra) e Fábrica de Conservas e Factoría Baleeira en Cangas de Morrazo (Pontevedra)
  • Tipoloxía: Edificio industrial
  • Cronoloxía: 1816-1990

 

Descrición do ben

A fábrica situada en Bueu constrúese en 1883, sobre a fábrica de salgadura de principios do século XIX de Salvador Massó Palau. Esta fábrica xa estaba levantada sobre un edificio preexistente que era un almacén de sal estancado, coñecido co nome de «Almacén do rei» e que foi adquirido por Salvador Massó Palau polo 1816. Sobre este edificio, que a partires do 1883 transformouse en fábrica de conservas en lata, levántase unha planta para adicala a museo no 1932. Aí trasládase a colección familiar tanto de libros antigos como de antigüidades náuticas.

O museo irá crecendo ao longo dos anos dentro das instalacións da antiga fábrica. Nos anos sucesivos e conforme ás necesidades de produción, a fábrica foi ampliada en número de naves chegando a ocupar toda a mazá que hoxe abrangue desde a avenida de Montero Ríos, rúa Alcalde Johan Carballeira e rúa de Pazos Fontenla. Nos anos 1924-1926 levántase a nave de estrutura metálica. Tras o peche da fábrica, esta foi desmantelada para crear espazo público contorna ao Concello e Museo Massó, mantendo parte dos xardíns da Casa Massó.

A Fábrica de Conservas en Cangas foi un complexo conserveiro inaugurado en 1942, que contaba coa última tecnoloxía, integrando: unha fábrica de conservas que contaba cunha cámara frigorífica, unha fábrica de envases e zona de varadoiros para a reparación de frota pesqueira; un taller mecánico e instalacións para a produción de fariñas e aceites de peixe. Así como instalacións para os obreiros como gardería, zonas de comedor e duchas.

 

Apuntes históricos

Son catro as xeracións da familia Massó que están ligadas ás fábricas de conservas do Morrazo. Todo inicia cando Salvador Massó Palau, catalán de nacemento, instálase en Bueu cara a 1816, fundando unha compañía de salgadura co fin de explotar a salgadura de sardiña e distribuíla polo levante español. Anos máis tarde, cara a 1880, constitúe xunto aos seus fillos Gaspar e Salvador Massó Ferrer unha sociedade mercantil para a salgadura da sardiña baixo o nome Salvador Massó e fillos. O seu establecemento familiar chamouse «O almacén do Rei». Os Massó, do mesmo xeito que o resto de familias de fomentadores cataláns, tiñan a súa casa contigua á fábrica de salgadura. A dirección da empresa era levada directamente polo propietario ou polos familiares, non por asalariados. Tamén as súas relacións, tanto profesionais como persoais, realizábanse de maneira endémica con outros fomentadores cataláns.
 
É en 1883 cando esta sociedade realiza o tránsito da industria da salgadura á da conserva. Para iso, crearon unha sociedade mercantil con Paul Dargenton e Félix Domingo, presidente  da cámara de Bayona, denominada Massó, Dargenton, Domingo & Cía e instalaron unha fábrica en Bueu chamada «A Perfección». O obxectivo desta sociedade era comercializar en Francia a produción de sardiñas en aceite, aproveitando a crise francesa, pero tamén doutros pescados, aves e outras fabricacións de latas.

A distribución de tarefas era a seguinte: Massó dende Bueu fabricaba e Dargenton e Domingo dende Francia comercializaban os produtos baixo denominación francesa, por exemplo: La Perfección. O máis interesante é que grazas a esta sociedade acordouse que técnicos de Nantes acudisen a Bueu a formar ao persoal neste novo sistema de conservación, así como na produción das latas e tapas onde se almacenaba o peixe. Crean en 1883 o Regulamento da Perfección no que se fixan horarios, tipos de pago, horas extraordinarias, traballo nocturno, etc; e que afectaba aos responsables técnicos, da administración e tamén a obreiros e obreiras.

A firma conserveira foi disolta en 1894. Os socios franceses venderon a súa parte aos Irmáns Massó, quedando os socios fundadores Gaspar e Salvador Massó Ferrer. Esta compañía baseándose na anterior, adicouse á produción de conservas e salgaduras de peixe, compra e venda de fariñas, e á fabricación de toda clase de artefactos de pesca (MUÑOZ, 2011: 125). Esta nova sociedade non se disolve ata 1925.
 
Neste primeiro terzo do século XX a familia Massó participou activamente na vida social e política tanto de Bueu, do Morrazo, e incluso de Vigo. Grazas ás boas cifras dos primeiros anos da industria Massó, esta puido adoptar novas tecnoloxías que lle posibilitaron cuadriplicar a produtividade do traballo e reducir a conflitividade laboral. Así  cara a 1904 incorporaron as máquinas fornecedoras norueguesas Reinert e as prensas Bliss para o troquelado (MUÑOZ, 2011: 127). Era común que a xestión da empresa quedase en mans familiares. Así, os fillos de Gaspar Massó Ferrer formáronse para iso, tanto Gaspar como José María. Tanto é así que cara a 1925 figuraba como xerente da empresa xunto a Salvador e Gaspar Massó Ferrer, Gaspar Massó García.
 
Durante a primeira guerra mundial a empresa obtén grandes beneficios que propiciaron a construción dunha modernizada fábrica en Bueu, xunto cun peirao de madeira fronte á fábrica para facilitar a entrada da materia prima. O complexo foi inaugurado en 1926. O crecemento das fábricas de Massó continua ata principios dos anos trinta, cando descende o comercio internacional a consecuencia da Gran Depresión. Pero recupérase con prontitude, cara a 1933, grazas ao consumo interno. Cara a 1930 Massó pasa de compañía colectiva a Sociedade Anónima, tras a morte de Gaspar Massó Ferrer. É agora Gaspar Massó García quen asume maior protagonismo na xestión co cargo de director-xerente, mentres que José Mª e Antonio ostentaban os cargos de vicepresidente e secretario, respectivamente. En 1932 Gaspar e José María Massó deciden fundar o Museo Massó en Bueu, dotándoo con incunables sobre tratados de navegación, libros de expedicións marítimas, maquinaria antiga, etc.

Coa chegada da Guerra Civil, e baixo a xerencia de Gaspar Massó, a empresa experimenta unha etapa de crecemento cun incremento das vendas, xa que as conservas galegas foron utilizadas para fornecer aos territorios ocupados polos nacionais. É neste intre (1941) cando se constrúe a fábrica de Cangas. No lugar onde antes estaba a salgadura Paganini, levántase agora un complexo conserveiro coa última tecnoloxía, integrando: unha cámara frigorífica; unha fábrica de envases e zona de varadoiros para a reparación de frota pesqueira; un taller mecánico e instalacións para a produción de fariñas e aceites de peixe. Ao contar cunha cámara frigorífica para almacenar o peixe conxelado de excedentes en épocas de bonanza, podían manter a produción todo o ano. Adoptaron, ademais, melloras para os empregados como vestiarios, gardería e cociña-comedor. Chegou a ter en 1943 a 2000 traballadores. A innovación non só veu de fóra senón que a industria Massó patentou tecnoloxía propia, utilizada non só en España, senón tamén a nivel europeo. Xunto a este complexo, en Punta Balea construíuse a factoría baleeira onde se procesaron baleas e cachalotes desde mediados dos anos 50 ata o ano 1985 en que se pecha, tras a firma de España do acordo internacional que prohibe a explotación comercial dos grandes cetáceos.
 
Coa seguinte xeración dos Massó, e dada a diversificación que a empresa Massó sufrira ao longo dos anos, prodúcese unha división múltiple de actividades (MUÑOZ, 2011: 138). Cara a 1960  reestrutúrase a compañía con Gaspar Massó á fronte, co apoio dos seus irmáns Xosé María e Antonio. Implantouse o sistema Bedaux de rendemento mínimo; mellores condicións de traballo para traballadores e traballadoras ao pertencer a unha grande empresa de máis de 500 empregados e apostou pola alfabetización dos mesmos. A partir dos anos setenta a situación cambia para a empresa Massó. Diferentes condicionantes: restricións externas, políticas bancarias restritivas, factores sociais e a crise do petróleo afectaron ao sector conserveiro e, polo tanto, á empresa Massó. Baixou tanto a pesca como a produción de latas. Coa entrada na CEE e a demanda externa, que esta trouxo parella, puideron experimentar un aumento nas vendas que permaneceron estables nos anos 80. Pero, esta década dos 80 deixou minguada a empresa polos problemas cos sistemas de pagos dos clientes mediante letras e o crédito dos bancos. A esta situación únese a crise do aceite de colza que afectou en diferentes graos ao sector conserveiro. A chegada dos anos 90 trae a morte de Gaspar Massó García e o peche de Massó Bueu. Os seus traballadores foron recolocados na fábrica de Cangas. Pero o peche desta produciuse pouco despois terminando así cunha das empresas conserveiras galegas máis importantes do sector tanto no século XIX como XX.

 

Situación actual

  • Titularidade: A fábrica de Massó en Bueu é pública é pertence á rede de museos da Xunta de Galicia. Nela atópase o Museo Massó. A fábrica de Massó en Cangas é  privada, mais con xestión pública.
  • Situación: A fábrica de Massó en Bueu está restaurada e en uso. A fábrica de Massó en Cangas está abandonada e deteriorada.
  • Protección do entorno: As fábricas de Massó aparecen no V do Plan Nacional de Patrimonio Industrial referido no Catálogo Mínimo seleccionado por TICCIH-España. Están realizados os estudios técnicos e solicitada a súa inscrición pola Xunta de Galicia.
  • Visitas: A fábrica de Massó en Bueu pódese visitar e nela sitúase o Museo Massó. Pola súa parte, a fábrica de Massó en Cangas está pechada e non existe unha xestión de visitas.
  • Estado de conservación: A fábrica de Massó en Bueu está en bo estado. A fábrica de Massó en Cangas está nun estado de conservación malo.

 

Información relacionada