Ir o contido principal

DOG Nº 7_CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E UNIVERSIDADE - ORDE REGULACIÓN PROBAS DE ACCESO A CICLOS FORMATIVOS DE GRAO MEDIO E SUPERIOR PARA 2022

ORDE do 17 de decembro de 2021 pola que se regulan as probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio e de grao superior de formación profesional do sistema educativo e se convocan para o ano 2022 (códigos de procedemento ED312C e ED312D).

Quen desexar información puntual no relativo ás publicacións en todo o proceso do desenvolvemento das probas de acceso poderá dirixirse ao centro onde realizase a súa inscrición ou ben á páxina web http://www.edu.xunta.gal/fp, onde se publicarán as listaxes correspondentes. Estas listaxes terán efectos de comunicación ás persoas que presenten reclamación.

Todos os institutos de educación secundaria que impartan ciclos formativos de formación profesional e os centros integrados de formación profesional deberán ofrecer ás persoas interesadas información e orientación sobre estas ensinanzas, así como sobre o procedemento de inscrición e desenvolvemento das probas de acceso.

As persoas con necesidades específicas derivadas de alteracións físicas, psíquicas ou sensoriais cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % poderán solicitar as medidas ou os recursos adicionais necesarios para desenvolver a proba de acceso.

Quen teña realizada a proba de acceso a ciclos formativos de formación profesional na Comunidade Autónoma de Galicia nos anos 2020 ou 2021 e non a superase na súa totalidade poderá solicitar a conservación da cualificación obtida nas partes superadas cunha puntuación igual ou superior a cinco para a presente convocatoria. En caso de solicitar a conservación, non poderá examinarse desa parte ou desas partes da proba.

Poderán participar na proba de acceso aos ciclos formativos de grao medio as persoas que non cumpran os requisitos académicos exixidos para accederen a eles e teñan dezasete anos ou os fagan no ano natural de realización da proba.O prazo de presentación estará abranguido entre os días 3 e 16 de marzo de 2022, ambos os dous incluídos.

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado de solicitude, anexo I (código de procedemento ED312C), dispoñible na aplicación informática «Ciclosprobas» (https://www.edu.xunta.gal/ciclosprobas/PaxinaInicio.do) accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal).

As probas de acceso aos ciclos de grao medio terán lugar o día 25 de maio de 2022 no horario que se indica a seguir: – Ás 9.00 horas: presentación. – Das 9.30 ás 13.00 horas: parte matemática e parte sociolingüística. – Das 16.00 ás 18.00 horas: parte científico-técnica. As persoas inscritas deberán presentar, para a realización da proba, o seu documento oficial de identidade e a copia da folla da solicitude de inscrición.

Poderán participar na proba de acceso aos ciclos formativos de grao superior as persoas que non cumpran os requisitos académicos exixidos para acceder a eles e teñan dezanove anos ou os fagan no ano de realización da proba. O prazo de presentación estará abranguido entre os días 31 de xaneiro e 11 de febreiro de 2022, ambos os dous incluídos.

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado de solicitude, anexo II (código de procedemento ED312D), dispoñible na aplicación informática «Ciclosprobas» (https://www.edu.xunta.gal/ciclosprobas/PaxinaInicio.do) accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal).

As probas de acceso aos ciclos de grao superior terán lugar o día 28 de abril de 2022 no horario que se indica a seguir: – Ás 9.00 horas: presentación. – Das 9.30 ás 13.00 horas: parte común da proba (Matemáticas, Lingua Galega e Lingua Castelá). – Das 16.00 ás 18.30 horas: parte específica da proba (materias específicas da opción vinculada ao ciclo formativo a que se desexe acceder, segundo o anexo VII desta resolución).As persoas inscritas deberán presentar, para a realización da proba, o seu documento oficial de identidade e a copia da folla da solicitude de inscrición.

PARA AMPLIAR ESTA INFORMACIÓN, PREME NA LIGAZÓN QUE SE XUNTA