Ir o contido principal

TRIVIAL A PÉ

FacebookTwitterShare
Cartel

O Concello de Cangas promove “Trivial a Pé”, un xogo para descubrir a historia da vila a través do galego

O Concello de Cangas, a través do Servizo de Normalización Lingüística e o apoio da Xunta de Galicia, pon en marcha a actividade “Trivial a Pé”, unha iniciativa lúdica e cultural que convida a coñecer a historia, os espazos máis singulares e as persoas destacadas da nosa vila empregando o galego como fío condutor.

A proposta, dirixida a público xeral a partir de 12 anos, desenvolverase os días 13, 14, 20 e 21 de setembro a partir das 17:00 h desde o Palco da Música na Avenida Vicenti. Durante a actividade, os equipos participantes realizarán un percorrido circular con diversas paradas, nas que deberán resolver probas, adiviñas e preguntas relacionadas coa memoria histórica e cultural de Cangas, sempre desde unha perspectiva dinámica e participativa.

O reto final consistirá en desvelar un enigma que se agocha ao longo do itinerario, facendo da aprendizaxe un auténtico xogo colectivo.

“Trivial a Pé” responde ao obxectivo de fortalecer a presenza do galego en actividades de lecer e divulgación cultural, e constitúe unha aposta clara pola dinamización lingüística e a posta en valor do patrimonio local.

Cartel