Datos de contacto

Avda. de Castelao, 2. - 36940 - Cangas (Pontevedra).
Ver localización

+ 34 986 300 050

+ 34 986 304 850

info@cangas.gal

Horario de atención ao público: de luns a venres de 9:00 a 14:30.
Horario do Rexistro Xeral: de luns a venres de 9:00 a 14:00.


10º CICLO DE TEATRO AFECCIONADO DO MORRAZO. (CITEAMOR)

Este martes dará comezo o 10º Ciclo de Teatro Afeccionado do Morrazo (CITEAMOR). A programación desenvolverase durante todos os martes (excepto o 16 de abril) ata o 4 de xuño.

Na inauguración, Antía Costas, actriz moañesa, dará o pregón ás 20:15. A continuación abrirá a programación o grupo convidado Avelaíña Teatro co texto de Roberto Vidal Bolaño, A ópera de a patacón.

Nesta edición participan 12 grupos de teatro, 11 deles da comarca. Do total, catro pertencen a distintas asociacións culturais (Grupo de Teatro Charaviscas, Os deslinguados, Petanaporta Teatro e Grupo de Teatro da Asociación Mulleres de Moaña), seis aos diferentes institutos (IES Johan Carballeira, IES María Soliño, Colexio Eduardo Pondal, IES Rodeira, IES As Barxas e IES Paralaia), un de integración DOA Furafollas Teatro mais o grupo convidado, Avelaíña Teatro de Pontevedra.

Destacamos tamén que a metade dos espectáculos que van pasar polo Auditorio de Cangas están escritos polos mesmos grupos tanto desde a creación colectiva como individual. Isto pon en relevo a gran afección que hai no Morrazo non só pola interpretación senón tamén pola dramaturxia.

No espazo que temos para a formación, o CITEAMOR ofrece dous cursos de 8 horas dirixidos a toda a poboación.

O primeiro titúlase Narrar co corpo, narrar coa palabra. Este taller de creación escénica parte do movemento e de textualidades para construír unha pequena acción escénica. Será impartido por Alfredo Rodríguez, director, actor-intérprete e pedagogo, e por Olga Cameselle, directora de movemento artístico, coreógrafa e bailarina-intérprete. Ambos os dous membros de A Artística.

O segundo taller estará impartido por Areta Bolado, actriz cofundadora da compañía A Panadería, licenciada en interpretación pola ESAD de Galicia que recibiu en 2015 o Premio María Casares á Mellor Actriz Secundaria por PAN! PAN! Este obradoiro titúlase Escachar coa comedia, no que intentará poñer patas para arriba a comedia e abrir as así as fiestras do noso humor.

Tamén haberá todos os martes unha exposición de libros de teatro que pertencen ao Fondo Teatral María Casares para dar a coñecer ao público a extensa e rica colección que temos dentro da Biblioteca Central de Cangas.