Datos de contacto

Avda. de Castelao, 2. - 36940 - Cangas (Pontevedra).
Ver localización

+ 34 986 300 050

+ 34 986 304 850

info@cangas.gal

Horario de atención ao público: de luns a venres de 9:00 a 14:30.
Horario do Rexistro Xeral: de luns a venres de 9:00 a 14:00.


Cidades saudables

O Concello de Cangas tomou acordo plenario de adherirse á estratexia de promoción da saúde e prevención no sistema nacional de saúde (SNS) a partires da proposta presentada por Tomás Hermelo, concelleiro de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade.

Trátase dunha iniciativa que ten como obxectivo gañar para a veciñanza anos de vida sans e libres de discapacidade. Con ela proponse o desenvolvemento progresivo de intervencións identificadas como boas prácticas e baseadas na evidencia científica, dirixidas a promocionar a saúde, previr as enfermidades  ou as lesións; actuando de maneira integral durante todo o curso da vida sobre factores como a actividade física, a alimentación, o tabaco, o alcohol e o benestar emocional, tendo en conta as contornas nas que vive a poboación e cunha vocación de universalidade das intervencións.

As actuacións que se porán en marcha nunha primeira fase céntranse en:

- Dar información de calidade e recomendacións para que todas as persoas poidan desenvolver estilos de vida beneficiosos. Algo que se denomina na estratexia como “consello integral en estilos de vida saudables”.

- Facilitar información e colaboración dos recursos (sanitarios ou non) dispoñibles na zona para promover formas de vida sans; isto é o que se denomina "vincular o consello en estilos de vida aos recursos comunitarios". Deste xeito, coordinaranse os recursos ofrecidos na contorna sanitaria cos dispoñibles na comunidade e na contorna educativa.

- Focalizar estas accións en poboación infantil, durante o embarazo e a lactancia, e na poboación adulta.

- Para a poboación maior de 70 anos, desenvolveranse plans de seguimento individualizado para a mellora da saúde e de prevención da fraxilidade, entendida como unha situación de maior vulnerabilidade e de risco para a discapacidade e dependencia nas persoas maiores. A finalidade é que a poboación maior manteña o maior nivel de autonomía o máximo de tempo posible.

O Concello de Cangas, a través das distintas iniciativas e programas da Concellaría de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade, pretende ter unha influencia directa da saúde da poboación traballando conxuntamente  entre sectores e contando coa participación dos cidadáns. O ámbito local considérase esencial para a estratexia e para gañar saúde no municipio.