Avda. de Castelao, 2. - 36940 - Cangas (Pontevedra).
Ver localización
+ 34 986 300 050
+ 34 986 304 850
Horario de atención ao público: de luns a venres de 9:00 a 14:30.
Horario do Rexistro Xeral: de luns a venres de 9:00 a 14:00.
07-02-2018
O Alcalde do Concello, Xosé Manuel Pazos Varela, mantivo esta mañá unha reunión informativa cos arqueólogos e técnicos da Deputación e o presidente da Comunidade de Montes do Hío para profundar nas actuacións arqueolóxicas que se levarán a cabo no xacemento do Monte do Facho, a raíz do Protocolo asinado entre o organismo provincial e o Ministerio de Fomento.
Na asemblea confirmouse que se está elaborando o proxecto de intervención, que terá que ser aprobado pola Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, e que a duración estimada das obras será de seis meses, situándose a data de comezo das mesmas no mes de abril (de forma aproximada).
De maneira concreta, as actuacións arqueolóxicas comprenderán dúas zonas. Unha de 630 metros cadrados e outra de 730. Esta última é próxima á muralla exterior do poboado. O obxectivo das administracións consiste en crear unha zona de máis de 1500 metros cadrados para o seu aproveitamento turístico.
Os traballos que desempeñará a institución provincial consistirán en tarefas de limpeza, escavacións e consolidación das edificacións. Unha vez rematada esta fase, daráselle paso ao Ministerio para que se encargue da musealización do espazo.
O Concello, entre outras aportacións menores, comprometeuse a colaborar coa Deputación para desenvolver campañas de difusión e promoción da intervención anteriormente citada. Por iso, levaranse a cabo visitas escolares e visitas guiadas ao público en xeral durante os meses de maio e xuño para que todos eles teñan a posibilidade de realizar un seguimento dos traballos no xacemento. Paralelamente, tamén se organizarán charlas divulgativas en Cangas para dar a coñecer as riquezas arqueolóxicas do Facho, así como doutras zonas.