Cangas libre de violencias machistas

Sen igualdade non hai festa

Concienciar á poboación da importancia de fomentar e educar en valores baseados no respecto, na igualdade, na diversidade, na liberdade e no bo trato tanto nos espazos privados como nos públicos é un obxectivo prioritario da Concellaría de Igualdade.

A violencia contra as mulleres é unha violación dos dereitos humanos e un atentado contra a liberdade e a dignidade das mesmas.

É un grave problema político, social, cultural, educativo, de saúde, etc., polo que é necesaria a implicación de toda a cidadanía para garantir un tratamento igualitario entre mulleres e homes.

A coeducación e a información é un paso cara a igualdade, por elo:

Non faltes á festa, non faltes ao respecto

Por unhas festas libres de violencias machistas para todas e para todos.

Nin o uso nin o abuso dalgunhas drogas xustifican unha agresión.

Tamén en festas,recorda:

  • A rúa, a noite, o día e as festas son para o goce de todas as persoas.
  • Non agridas, non sexas cómplice, actúa e di NON aos agresores.

 

Que son as violencias machistas?

  • Violencias baseadas en relacións de poder xerárquicas nas que sitúan aos homes por riba das mulleres en aspectos sociais, políticos, económicos,etc.
  • Encorseta a sociedade en homes e mulleres e reprime calquera acto de diversidade e liberdade individual ou colectiva.
  • Son violencias de carácter estrutural xa que as sofren directamente as mulleres de todo o mundo, e de maneira indirecta os homes.
  • Pode ser violencia física, psicolóxica, afectiva, sexual ou económica.
  • No caso da violencia sexual trátase dunha agresión á liberdade sexual das mulleres e cuestiona o seu dereito a decidir sobre o seu corpo e a súa sexualidade.
  • As súas formas son diversas, dende insultos, humillacións, ciumes, chantaxe, falsos “piropos”, desprezos, golpes, violacións, asasinato...
  • A través destas violencias constrúese o medo nas mulleres.

 

Que facer si ves unha agresión machista?

  • Se cres que unha muller está en situación de violencia diríxete a ela, pregúntalle se está ben e se precisa axuda.
  • Faille saber ao agresor que rexeitas esa situación, que non che parece normal agredir ás mulleres en ningunha das súas formas.
  • Se unha amiga sofre maltrato por parte da súa parella faille saber que non é o normal, dálle información e acompáñaa a buscar axuda.
  • ACTÚA E DENUNCIA. NON SEXAS CÓMPLICE

 

HOMES, NON agridamos nin sexamos cómplices!

  • Respecta cando che din que NON.
  • Non insistas ou toques se non che dan permiso para facelo.
  • Evita comentarios obscenos, asubíos, e miradas intimidatorias. O seu corpo é seu e ninguén pediu a túa opinión.
  • Unha muller pode decidir parar en calquera momento da relación sexual e ten que ser respectada.
  • Non tomes o silencio coma un si. Se non estás seguro se a outra persoa quere ter sexo pregúntalle como se sinte antes de seguir.
  • Se a outra persoa está moi bébeda ou inconsciente NON hai consentimento.
  • Aínda que sexa a túa parella se ela non quere ter unha relación nese momento e a chantaxeas ou coaccionas tamén é unha violación.
  • Trata con respecto á túa parella e fomenta relacións de bos tratos. Constrúe relacións en igualdade respectando a diversidade.
  • Convértete nun aliado, facendo un mundo máis igualitario.

 

MULLERES, EMPODERÉMONOS!

  • Confía no teu propio criterio. Se sentes que algo vai mal actúa, só ti sabes se algo che gusta, moléstache ou che agride.
  • Se te sentes agredida, non o dubides,trátase dunha agresión.
  • Tes dereito a dicir NON cando non che apeteza unha relación sexual, en calquera momento da mesma, dende o principio ata o final, sen ser ameazada, intimidada, chantaxeada ou agredida.
  • Vixía a túa bebida, en ocasións, algúns agresores utilizan a submisión química para anular a vontade. Ante a dúbida, pide outra!
  • Crea relacións sas e libres. Valora a diversidade.
  • Practica a sororidade (axuda mutua entre mulleres e pacto para o seu empoderamento nunha sociedade sexista).

 

RECURSOS DE PETO

Actúa e denuncia.

Emerxencias 112

Dende o Concello de Cangas recordámosche que ante calquera dúbida relacionada con violencia de xénero tes á túa disposición:

  • Atención a vítimas de violencia de xénero: 016
  • Teléfono da Muller de Galicia: 900 400 273
  • CIM Cangas (Centro de Información ás Mulleres)  986 392 268

Descargas