Cangas en negro

O día 18 de novembro de 2016 comezou a Campaña Concellos en Negro a nivel galego e que se desenvolveu ata o 28 de novembro dese ano, co obxectivo de promover e facer visible o rexeitamento da cidadanía ante calquera tipo de violencia contra as mulleres.

Esta iniciativa xorde no 2015 no Concello de Santiago de Compostela coa campaña de sensibilización “Compostela, en Negro”, na que se implicaron arredor de 300 establecementos comerciais e axentes sociais do municipio, converténdose en embaixadores da mesma. A acción consistiu en tinguir de negro a cidade a través dos escaparates, os manequíns, a roupa de traballo, etc. Vestir loito en sinal de dor por todas as mulleres que sofren violencia machista e como resposta á máis dura das súas consecuencias: a morte.

Partindo desta boa práctica, e coa finalidade de multiplicar e estender a incidencia social desta campaña, no 2016, dezaseis concellos galegos decidimos unir os nosos esforzos para desenvolver conxuntamente a campaña de sensibilización “En negro, contra a violencia”.

En vésperas do Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra as Mulleres, a través desta iniciativa, os concellos de A Coruña, Ames, Cangas, Carballo, Compostela, Ferrol, Lugo, Poio, Pontevedra, Ribadeo, Sada, Sarria, Teo, Tui, Vilalba e Zas quixeron situar na axenda política, con contundencia e para sempre, a loita contra as violencias machistas.

O deseño desta Campaña é autoría de Uqui Permui que recibiu o premio de Comunicación ao mellor deseño gráfico pola Campaña Compostela en Negro.

O Concello de Cangas adheriuse a esta Campaña para compartir esforzos e promover o traballar en rede con outros Concellos por unha causa común, o noso rexeitamento ás Violencias Machistas.

Foron máis de 100 os establecementos que formaron parte de “Cangas en Negro”, ademais de ACICA, Cangas Vella e as traballadoras e traballadores da praza de Abastos.

Ligazóns

Descargas