Datos de contacto

Avda. de Castelao, 2. Planta baixa - 36940 - Cangas (Pontevedra).
Ver localización

+ 34 986 300 050

+ 34 986 304 850

medioambiente@cangas.gal

Horario de atención ao público: de luns a venres de 9:00 a 14:30.


Naturalmente Cangas

“Naturalmente Cangas” nace como un proxecto xeral co obxectivo de informar e sensibilizar á veciñanza sobre a importancia do coidado e conservación do entorno facendo fincapé na importancia da valorización, do respecto e da protección do medio ambiente como único mecanismo para contar con unha vila saudable, responsable e comprometida.

Trátase dun proxecto que conta con diversas campañas divulgativas e accións concretas nas que colaboran deferentes concellarías, colectivos e organismos supramunicipais. Destacan:

Composta con nós

En colaboración coa Deputación de Pontevedra, o Concello de Cangas promove unha campaña de compostaxe como método para reducir os residuos e técnica para conseguir involucrar a nosa veciñanza na economía circular, reutilizando máis e tirando menos.

Na actualidade, o gasto na xestión de residuos en Cangas ascende a uns 800.000 €/ano e non cumprimos a normativa europea en materia de reciclaxe, o que pode derivar en multas europeas para o municipio a partir do 2020. Dos residuos que producimos diariamente nunha vivenda, o 50% son residuos orgánicos que podemos transformar en abono moi facilmente. É por este motivo que apostamos pola compostaxe, esta técnica non desprende malos cheiros xa que se realiza xuntándolle aos residuos orgánicos restos de poda. Para adecuarnos a cada circunstancia, a compostaxe proposta e promovida pola concellaría conta con dúas liñas de actuación:

Liña de compostaxe individual:

Orientada á xente que vive nas parroquias. Será requisito indispensable que se dispoña dun espazo de xardín ou horta.

As familias que participen no plan recibirán en cesión e de maneira gratuíta un composteiro individual e un curso formativo. Deste xeito terán un apoio especial para arrancar co composteiro no seu terreo. Posteriormente, o Departamento de Medio Ambiente realizará visitas de seguimento onde a veciñanza poderá consultar as posibles dúbidas que xurdan durante o proceso.

Liña de compostaxe urbana:

Orientada á xente que non dispón de horta ou xardín, que vive no centro de Cangas, preto das localizacións dos centros de compostaxe comunitaria instalados.

Hai tres centros de compostaxe urbana no que todas as familias que queiran reciclar orgánico poden participar, tras recibir asesoramento do Mestre Composteiro que é o responsable municipal do funcionamento destes centros.

Elixe a zona que che quede máis preto!

  • Zona 1: Xardíns dos Xulgados. Localización: Praza de Galicia. Coordenadas: 42°15'58.82"N  8°47'6.33"O.
  • Zona 2: Xardíns de Andrea. Localización: Rúa Méndez Núñez, 41, Cangas. Coordenadas: 42°15'52.13"N  8°46'48.59"O. 
  • Zona 3: Rodeira. Localización: Rúa de Concepción Arenal, 5, Cangas. Coordenadas: 42°15'49.85"N  8°46'29.75"O

¿Que tes que facer para inscribirte neste programa? 

Tes que cubrir a folla de inscrición e presentala no Departamento de Medio Ambiente ou remitila por email a medioambiente@cangas.gal. É un requisito imprescindible que as persoas participantes estén empadroadas no Concello e teñan a súa residencia ou finca con horta/xardín no mesmo.

Visitas guiadas

Unha das accións máis destacadas deste proxecto son as visitas guiadas polo medio natural. Os guías van explicándolle á veciñanza e turistas o prexudicial que é para todas as persoas non reciclar ou tirar calquera tipo de residuo: plásticos, latas, bricks... ao entorno. Nestas visitas, que se levan a cabo tanto nos montes como nas praias dos municipios, explícanse conceptos como a degradación, a contaminación, a economía circular, a morte da fauna por inxestión de plásticos e realízase unha recollida de residuos durante o camiño para que os participantes sexan conscientes do prexudicial da actitude xeneralizada, pero contraproducente, de non reciclar.

Separemos ben, reciclaremos mellor

Oferta dun amplo abano de actividades de carácter lúdico informativo, que contribuirán a mellorar a conciencia ambiental da veciñanza e motivar a súa colaboración na correcta xestión dos residuos municipais.

Posta en marcha da nova edición da campaña institucional  "Separemos ben, reciclaremos mellor" que promoven a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e Sogama, contando coa colaboración e apoio dos Sistemas Integrados de Xestión (SIX) de envases lixeiros, envases de vidro, pilas e residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE): Ecoembes, Ecovidrio, Ecopilas, Ecolec, ERP, Ecotic, Ecoraee, Ecoasimilec, Ecofimática, Tragamóvil, Ambilamp e Ecolum.

Descargas