Ir o contido principal

Paisaxes de Berobreo

FacebookTwitterShare
 Paisaxes de Berobreo

A iniciativa “Redescubrindo as paisaxes de Berobreo” xurde no ano 2017 cando a Concellería de Desenvolvemento Local ten coñecemento deste proxecto de posta en valor do patrimonio cultural e natural do entorno do Monte do Facho.

Convencidos da importancia do valioso patrimonio histórico local, e da necesidade de recuperar e recoñecer a riqueza do noso pasado en común e convertelo nun polo de desenvolvemento para Cangas, dende a área traballouse para buscar a necesaria financiación para levar a cabo dito proxecto. En setembro de 2017 recibimos a confirmación de subvención do Grupo de Desenvolvemento Rural Pontevedra‐Morrazo. Mediante estes fondos europeos xestionados por AGADER (Axencia Galega de Desenvolvemento Rural), xunto coa aportación de fondos propios municipais do Concello de Cangas, no ano 2018 danse as condicións para licitar o proxecto “Redescubrindo as paisaxes de Berobreo”.

O proxecto consistiu principalmente na posta en valor da corredoira empedrada de subida ó Santuario de Berobreo no Monte do Facho, e dos achados de varios petróglifos neste camiño; tamén na rehabilitación e dignificación da aldea medieval de Punxeiro, onde os devanceiros da zona de Donón viviron entre os séculos XVI e XIX.

Esta posta en valor, xunto con as recentes excavacións do poboado castrexo no monte do Facho, abre múltiples oportunidades para o desenvolvemento de novas actividades profesionais vinculadas á dinamización cultural, ó ocio e ó turismo sustentable, e supón unha forte aposta pola divulgación e conservación do patrimonio cultural local, que integre á comunidade e evite a situación de abandono no que se atopaba a zona.

Este proxecto de desenvolvemento logrou conectar e implicar á comunidade local. As conversas coa xente maior de Donón, confirman as hipóteses sobre os costumes e actividade da aldea medieval de Punxeiro. Tamén a colaboración de entidades como Pouso da Serra, cooperativa galega xuvenil, que co seu traballo diario de pastoreo co gando caprino axudou de forma crucial no desbroce de certas áreas, fomentando a biodiversidade e a recuperación dos usos tradicionais do monte.

Aínda por finalizar esta primeira fase do proxecto, xa que queda pendente os traballos de sinalización dos achados, estase xa a rematar os traballos de desbroce selectivo, coa supervisión permanente de un biólogo e un arqueólogo de cara a documentar os achados perante a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta.

A segunda fase do proxecto consistirá na elaboración de material de difusión e unha axenda cultural, que estableza un calendario con xornadas públicas divulgadoras do proxecto co obxectivo de dar a coñecer a toda a cidadanía o noso pasado, o noso patrimonio histórico‐cultural.

É necesario converter o noso pasado nun elemento activo e dinámico que repercuta na propia comunidade. A conexión da veciñanza co patrimonio natural, paisaxístico e cultural fortalece a nosa identidade como comunidade, axuda a conservación e sensibilización da veciñanza sobre os bens atopados, e permite ser un lugar de referencia para a dinamización cultural e ambiental, e o fomento do ocio e o turismo sustentable no noso municipio.

 

VISITA A NOVA CONTORNA VIRTUAL INTERACTIVA!