Ir o contido principal

SAÚDA DA ALCALDESA


Benquerida veciñanza,
Como alcaldesa de Cangas quero darvos unha benvida agarimosa a todas as persoas que accededes a esta nova fiestra de comunicación, informativa e participativa, aberta a todas as veciñas e veciños. Agardamos que esta páxina web sexa máis áxil e dinámica, e satisfacer o voso interese.
Permitídeme que vos pida a colaboración de todo tipo de propostas e comentarios coa finalidade de contribuír ao que todas e todos queremos: avanzar na necesaria comunicación e mellorar a calidade de vida de todas e todos nós.
Facilitar información a nivel xeral e na axilización de trámites, participar na interlocución coas vosas e cos vosos representantes públicos son, entre outras, as renovadas pretensións desta alcaldía e corporación, e que queremos salientar nesta plataforma de comunicación.
Paralelamente a este portal, quero transmitirvos o compromiso persoal e colectivo de seguir mantendo o concello aberto a toda a veciñanza de Cangas. As portas e despachos físicos da Casa do Concello permanecerán abertos todo o ano para as vosas suxestións e demandas nunha participación social, fundamental e imprescindible.
Se te achegas a este portal como visitante, recibe un saúdo especial de benvida, de acollemento, a esta vila, e animámoste a descubrir todos os seus recunchos e a participar da marabilla natural, histórica e humana con que contamos, orgullosa do seu pasado e presente, e animada a construír o seu mellor futuro para vivir e traballar neste territorio.
Contamos cunha gran riqueza social, cun dinámico movemento asociativo, Sanidade, Educación, Deporte, Cultura, Historia, Festas, Patrimonio natural e artístico, lugares únicos e privilexiados. Gastronomía, costumes e tradicións…
Aldán, Cangas, Coiro, Darbo e O Hío, coas singularidades propias de cada parroquia, conforman un concello traballador, comprometido cos valores da xustiza social e da solidariedade, activo na preservación e coñecemento da súa historia, e reivindicativo do seu futuro.
Os mellores desexos de saúde e porvir para toda a veciñanza, e reitero a demanda da vosa participación e contribución nesta responsabilidade colectiva.

Un cordial saúdo da vosa alcaldesa
Araceli Gestido Rodríguez