Ir o contido principal

Ruta polo casco histórico

Ruta por el casco histórico

Ruta pola zona antiga de Cangas

A vila de Cangas, e moi particularmente a súa Zona Monumental, acolle un rico patrimonio artístico cada vez máis recoñecido e valorado. Neste antigo burgo de pescadores, a man sabia do canteiro e o bo facer dos seus homes e mulleres ao longo dos séculos, acabaron  legándonos a  preciosa arquitectura mariñeira, que funde as súas raíces na tradición medieval. Pero Cangas non é soamente historia, senón tamén presente; un presente de grande vitalidade, no que o noso casco urbano continúa embelecéndose con novos e magníficos edificios contemporáneos. 

Comezamos o noso percorrido na Casa do Concello, obra de vangarda que leva o selo dun laureado arquitecto: Alberto Noguerol. Dende aquí dirixirémonos polos Xardíns do Sinal, ata a Capela do Hospital, emblemático monumento mandado construír polo prior D. Gonzalo de Nogueira e Araujo no 1711 e reconstruída no ano 2002.

Cruzamos a estrada cara a outra beira do paseo para ascender logo pola Rúa Real, salpicada de fermosas mansións fidalgas que aínda locen con orgullo os seus escudos de armas. Tamén podemos ver impresionantes edificacións de finais do S.XIX e principios do XX, coas súas graníticas fachadas labradas con esmero, de brancas e alegres galerías.

Subindo pola rúa achamos tamén a estatua ecuestre de Santiago Apóstolo, unha das imaxes máis coñecidas do noso conxunto histórico. Así chegamos á principal xoia arquitectónica que atesoura a vila, e máximo orgullo dos cangueses: a Ex-colexiata de Santiago. A súa portada renacentista, levantada en 1585, cóntase entre as máis belas de toda Galicia. Pero é preciso, ademais, visitar o seu interior, as súas maxestosas naves, os seus retablos barrocos e as súas imaxes de altísimo valor artístico, ante os que ninguén queda indiferente. Alí consérvase un venerado Cristo, seica milagroso, do que se di que «non quixo arder», pois no ano 1617 sobreviviu ao incendio do templo por parte dos piratas turcos. Aínda que posiblemente nada levante tanta admiración como o outro Cristo, o do Consolo, viva expresión do sufrimento na Cruz que tan ben soubo plasmar o mestre Juan Pintos.

Desde aquí, e a través da Rúa do Hío, dirixímonos cara ó Eirado do Costal, corazón do barrio que foi o núcleo primixenio de Cangas. As súas tortuosas rúas agochan moitas e moi fermosas casas de patín, alternándose estas con outras modalidades de morada mariñeira, como a "casa con sobrado" ou entre medianeiras. Tamén aquí sorprende ao visitante un venerable hórreo, que dende a súa estraña localización sobre un muro, recórdanos os duros tempos nos que ter o sustento de cada día era todo un luxo.

Entraremos logo  nos Xardíns Félix Saoge onde podemos ver a soberbia efixie de Don José Félix Soage Villarino que no 1914 esculpiu o xenial Francisco Asorey. Á vista están algunhas mostras daquela xenerosidade sen límites con que este gran home adornou o amor que sentía pola súa vila natal: o palco da música, o mercado, e outras moitas polas que o pobo lle garda un cariño imperecedoiro.

Moi preto atópase outra sublime talla, coñecida como «A volta do Mar» coa que o inesquecible Xoán Piñeiro quixo render unha sentida homenaxe a todos os mariñeiros de Cangas. Pouco máis alá poderemos admirar o popular «Reloxo», todo un símbolo da nosa identidade, unha estación meteorolóxica de elegante construción, doada en 1907 por Don Álvaro Guitián para servizo de navegantes.

A partir deste momento, comeza xa a asomar toda a riqueza arquitectónica da nosa zona monumental. Na Praza do Arco, antiga porta de entrada á vila, atoparemos un deses recunchos recollidos e de encanto singular, onde se di que durante a idade media viviron xudeus. A rúa Antonio Garelly conserva unha das máis primorosas «casas de patín», que en Cangas é a vivenda mariñeira por excelencia. Outro exemplo é a situada na rúa Pablo Iglesias, onde pasmaremos ante os enormes portalóns que no seu día foron utilizados para gardar embarcacións de pesca.