Ir o contido principal

Igrexa de San Cibrán de Aldán

Igrexa de San Cibrán de Aldán
Dirección Praza Obispo Cerviño, s/n - San Cibrán. 36945 - Aldán

[Século XVI]
 
Encóntrase no barrio de San Cibrán e foi construída sobre unha antiga igrexa, constituíndo o mellor exemplo de arte neoclásico do noso municipio, e aínda que había un templo primitido do s. XVI, a igrexa actual é de 1866.
 
Ten unha soa nave, e posúe algúns retablos de importancia. A fachada conta cunha fornela que alberga a imaxe de San Ciprián e unha altiva torre de dous pisos cunha balaustrada de pedra en cada piso, copiada da excolexiata de Cangas.
 
No adro parroquial podemos admirar un fermoso mausoleo decimonónico, ademais do arranque da impresionante muralla que delimita os antigos dominios dos condes de Aldán. Tamén foi a tumba da casa condal dos Canalejo e as armas dos Aldao campan a ámbolos dous lados da igrexa.

A igrexa está rodeada de casas de alegres balconadas que funden as súas raíces na máis xenuína tradición mariñeira. Na súa contorna inmediata podemos descubrir outros monumentos de excepcional releve, como a Torre de Aldán, o pazo de Vistalegre, a ponte medieval sobre ao río Orxás e o sarcófago medieval da Laxe.

Mausoleo a carón da igrexa parroquial de Aldán

Construído en 1879, segundo consta na inscrición. Obra tamén atribuída a Cerviño. Na actualidade atópase considerablemente deteriorada. Garda unha gran semellanza co mausoleo do cemiterio de Cangas, aínda que o de Aldán é de características máis sinxelas. Con esta obra, serían catro as realizacións atribuídas a Cerviño no Morrazo. É dicir, os dous mausoleos, a fonte da Colexiata de Cangas e o Cruceiro do Hío.