Ir o contido principal

Excolexiata de Santiago de Cangas

Ex-colexiata de Santiago de Cangas

[Século XVI]

A excolexiata é sen dúbida, xunto ao Cruceiro de Hío, a gran xoia artística do municipio, e máximo motivo de orgullo para os cangueses. Forxada durante os últimos 500 anos de historia, na que cada época engadiu a súa propia achega e estilo, aínda que a maior parte da construción data do s. XVI. No muro da zona sur consta a data de 1541 e asegúrase que a capela maior estaba terminada en 1548. A nova edificación foi elevada a rango de Colexiata polo Papa Paulo III en 1545, aínda que se cre que o primitivo templo remóntase un século máis atrás. A fachada, con todo, non se levanta ata o 1585, sendo proxectada por Jácome Fernández e Antonio Vizoso, e constitúe unha das mellores e máis belas mostras da arte renacentista de toda Galicia.

De planta basilical, unha vez que entramos no interior sorpréndennos as bóvedas estreladas sobre altas e recias columnas que coroan as tres naves das que consta, ademais da Capela Maior, tamén con bóveda estrelada de moitas claves e o seu espectacular retablo barroco construído en 1744, entre cuxas imaxes destaca un Santiago ecuestre e outro peregrino. Hai unha extensa e curiosa inscrición testamentaria no muro da dereita e, no exterior contrafortes nas esquinas, crestería oxival dexenerada, gárgolas e pináculos.

A fachada, que é a obra máis recente, ten dous corpos de columnas estriadas xónicas e compostas. A orientación escultórica do frontón da fachada remite a temas bíblicos con varias imaxes. Todo o conxunto é de estilo plateresco renacentista. Na parte dereita á fachada tamén podemos admirar a torre, do século XVIII, distribuída en dous corpos con senllas balaustradas.
 
A excolexiata dispón doutras seis capelas, nas que podemos contemplar tallas de enorme valor artístico, sendo a máis afamada o «Cristo que non quixo arder», que segundo o dicir popular sobreviviu milagrosamente en 1617 ao incendio da Colexiata por parte dos piratas turcos. Pero sen dúbida, ningunha goza de tanta devoción como o Stmo. Cristo do Consolo, excelente mostra do naturalismo barroco español, esculpido por Juan Pintos no 1796.

Esta fermosa igrexa recorda moitísimo á Basílica de Santa María de Pontevedra, de maiores proporcións. As cresterías exteriores son iguais, e as naves interiores moi similares, aínda que as columnas son diferentes, sendo lisas e cilíndricas na de Cangas.

Os dous templos foron pagados polas confrarías de pescadores e construídos na mesma época.

Na praza lateral da excolexiata atopamos a «Fonte da Colexiata». Tamén chamada popularmente «Fonte do Cabalo», trátase dunha escultura en granito feita por Ignacio Cerviño en 1890, e representa unha escultura de Santiago Matamoros, é dicir do apóstolo Santiago na batalla de Clavijo (ano 844).
 
Está tallada nunha soa peza. Cerviño é autor tamén do Panteón de Ranqueta (situado non cemiterio de Cangas) e do Cruceiro de Hío, entre moitas outras obras que ten no concello.

A modo de anécdota dicir que no ano 2008, o escultor Manuel Coia, restaurou a man da imaxe de Santiago, danada de moitos anos atrás, e ao pouco tempo de recuperar a man e a espada, foron atacadas nun acto de vandalismo e actualmente volve estar sen elas.