Ir o contido principal

A nosa historia

"María Soliña”

Entre 1619 e 1628 numerosas mulleres de Cangas foron xulgadas pola Inquisición por suposta bruxería. Foron en realidade vítimas que acabaron confesando atrocidades á forza de espantosos tormentos. Este foi o caso da máis famosa das supostas meigas de Cangas, María Soliña.

Batalla de Rande

A Frota de Indias transportaba, dende La Habana rumbo a Cádiz, o máis valioso cargamento que xamais cruzara o Atlántico. Pero unha poderosa escuadra angloholandesa agardábaa no Cabo San Vicente. O convoi puxo rumbo á ría de Vigo e buscou refuxio na Enseada de San Simón. Entón, comezou a gran batalla.

Cultura Castrexa (O Facho e petroglifos)

Durante a ocupación romana de Galicia, o Morrazo pertencía ao convento Bracarense. A poboación destas terras vivía en poboados chamados castros que eran murallas circulares ou elípticas feitas de pedras e terra en lugares altos, dentro había casas e constitúen os poboados da época prerromana e romana. En Cangas destacan os castros de O Castelo en Darbo, Liboreiro en Coiro e O Facho no Hío.

Invasión de piratas berberiscos en 1617

En 1617, os habitantes da ría de Vigo vían como once navíos corsarios turcoberberiscos fondeaban nas Illas Cíes. Os seus propósitos, practicar a rapiña e a pillaxe. A milicia non dispuña nin de artillería nin de homes cos que facer fronte ao ataque dos invasores. A vila ardía, os cadáveres sementaban as rúas e os reféns cara o cativerio en Arxel.

Massó e a caza da balea en Cangas

A caza industrial da balea comeza na segunda metade do século XIX, ata ese momento a caza fora artesanal e non estaba exenta de riscos. Os novos adiantos e embarcacións e a revalorización do aceite de balea, debido ao seu emprego en cosmética e alimentación, dan un novo impulso a esta actividade. A factoría de Cangas permanecería activa trinta anos.

O nacemento da vila

Na primeira metade do século XV, veciños das parroquias de Darbo e Coiro aséntanse na fronte marítima, articulando un incipiente núcleo urbano. Cangas empeza a ser citada como vila a partires do século XVI, cando se constrúe a igrexa e outros edificios como o hospital, e a vila se configura xa como cabeza de Xurisdición do Morrazo.

Paisaxes de Berobreo

A iniciativa “Redescubrindo as paisaxes de Berobreo” xurde no ano 2017 cando a Concellería de Desenvolvemento Local ten coñecemento deste proxecto de posta en valor do patrimonio cultural e natural do entorno do Monte do Facho.

Revoltas Irmandiñas "II Guerra Irmandiña"

As irmandades encargadas de velar pola seguridade e a paz, aplicando xustiza sobre asasinos e bandoleiros, acabaron rebelándose contra a opresión feudal. Cangas tamén tivo a súa propia irmandade e a saña dos sublevados cangueses recaeu sobre o símbolo señorial representado pola fortaleza de Darbo.