Equipo de predición meteorolóxica construído no ano 1907, na parte máis próxima da Alameda á rúa Real, e dende un principio consulta obrigada para os mariñeiros antes de saír ao mar.
O Tenente de Navío da Armada, Don Álvaro Guitián conseguiu sacar adiante o proxecto por subscrición popular e así proporcionar os aparellos máis elementais para poder predicir o tempo no mar.
No ano 1990 reconstrúese e sitúase onde está actualmente, xusto no lado oposto onde estaba orixinariamente.
Dotado de catro esferas, catavento e catro aparellos meteorolóxicos: termómetro, higrómetro, outro que mide a velocidade do vento e outro que nos di o estado do tempo (seco, chuvioso,…).
Perdeu importancia debido aos grandes avances, pero segue sendo lugar de referencia e un punto de encontro para os veciños de Cangas.