Ir o contido principal

Casas de Patín

Casas de Patín

A zona antiga de Cangas é de gran riqueza arquitectónica. A chamada «casa de patín» é a mostra máis representativa da arquitectura popular mariñeira típica das Rías Baixas, tratándose da vivenda mariñeira por excelencia.
 
A principios deste século, esta tipoloxía de casa era a máis abundante en Cangas, e hoxe aínda se poden contemplar algúns exemplares dispersos pola zona vella. Actualmente en Cangas existe un plan especial de conservación para axudar á súa protección.

O patín que é a escaleira exterior de pedra, podería ir cuberta, prolongando o tellado, e o seu uso podía ser múltiple: de acceso á vivenda, tomar o sol ou o fresco, como lugar de reunión polas noites, onde ataban ou cosían as redes as mulleres, tender a roupa ou poñerse as redes a secar.

A vivenda máis singular contaba cun único espazo no que había un pequeno cuarto para a cama e o roupeiro, a cociña con “lareira”, un vertedoiro, unha mesa con bancos e nalgúns casos retrete separado cun tabique de táboas. A adega estaba destinada a gardar as artes de pesca e dispoñían de cortellos para a cría de animais.