XX EDICIÓN DO SALÓN DO CÓMIC
Cangas celebra a 20 edición do Salón do Cómic entre o 13 e o 20 de xullo
Cangas 18/5/24- En menos de dous meses estarán en Cangas recoñecidos debuxantes de todo o mundo para participar na 20 edición do Salón do Cómic e Ilustración, que este ano se celebrará entre os días 13 e 20 de xullo. Artistas xa consagrados e outros que empezan a darse a coñecer neste universo fascinante da viñeta achegaranse até a vila morracense para convertela durante 12 días na capital galega do cómic e da ilustración.
Durante unha semana, Cangas será o paraíso para os amantes deste xénero, que poderán desfrutar, de balde, das moitas e variadas actividades vencelladas ao mundo da ilustración, aos autores e ás súas obras. Exposicións, obradoiros, charlas-coloquio, a feira do cómic, librarías especializadas neste xénero, proxeccións de cine, sinaturas de exemplares e incluso un certame ‘cosplay’ conformarán o programa de actividades deste evento, que este ano contará con María Bren, Cristian Robles, Miguel Robledo e Gabriel H. Walta como artistas convidados. Este último vén de ser nominado aos Premios Eisner 2024, que celebran as mellores publicacións da novena arte. Walta xa pertence ao selecto e reducido grupo de autores con dous Eisner no seu poder.
Miguel Robledo é o artista encargado do deseño do cartel deste ano. Robledo é un ilustrador ourensán e director de arte de Aira Editorial cunha ampla traxectoria profesional ás súas costas. Entre os traballos que realizou destacan ilustracións de clásicos ‘Frankenstein, o Prometeo moderno’, de Mary Shelley; ‘Unha noite no tren da Vía Láctea’, de Kenji Miyazawa; e ‘Heidi’, de Johanna Spyri. Robledo é tamén autor de láminas, murais e outras pezas nos que o debuxo acompaña textos en galego. Este ano, ademais, estrearase como autor dun cómic.
Miguel Robledo, que manifesta un cariño moi especial por Cangas por ser unha vila onde pasou moitos veráns, séntese “moi agradecido” de deseñar o cartel xa que “é como xogar na casa”. O ilustrador ensalza a beleza do casco vello de Cangas, “que parece sacado dun conto”. Á hora de deseñar o cartel, inspirouse no ‘Castelo Ambulante’ de Hayao Miyazaki, un fito do cine de animación. Ademais, no cartel destaca unha figura feminina, “unha tendencia moi lóxica e saudable nos carteis do Salón dos últimos anos”, engade.
O XX Salón do Cómic e Ilustración celebrará a súa inauguración o 13 de xullo no auditorio de Cangas. Desde ese mesmo día poderase visitar o Mercado do Cómic. E a partir dese momento, unha morea de actividades que se levarán cabo no Auditorio e na Casa da Bola. Desde que arrancou este evento, aló polo ano 1990, foron ducias os debuxantes que foron pasando por Cangas para amosar as súas páxinas e deleitar ao público cos seus debuxos.
Nas vindeiras semanas a organización do Salón do Cómic dará a coñecer a programación completa desta edición, que estará chea de talento e agocha algunha que outra sorpresa.
- Log in to post comments