CONSULTA PÚBLICA SOBRE ORDENANZA REGULADORA DO SERVICIO DE TAXIS DO CONCELLO DE CANGAS

PARTICIPACIÓN DOS CIDADÁNS NO PROCEDEMENTO DE ELABORACIÓN DA ORDENANZA MUNICIPAL REGULADORA DO SERVIZO DE TAXI NO CONCELLO DE CANGAS
CONSULTA PÚBLICA A TRAVÉS DA PÁXINA WEB DO CONCELLO DE CANGAS PARA RECABAR A OPINIÓN DA CIDADANÍA, DOS/AS PROFESIONAIS DO TAXI E DAS ORGANIZACIÓNS REPRESENTATIVAS POTENCIALMENTE AFECTADAS POLA ELABORACIÓN DA NOVA ORDENANZA.
O Concello de Cangas ten o propósito de elaborar unha norma reguladora do réxime xurídico aplicable ao servizo de taxi dentro do termo municipal de Cangas co fin de adaptarse á Lei 4/2013, do 30 de maio, de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia e ao seu Regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Decreto 103/2018, do 13 de setembro.
O artigo 105 da Constitución española establece que “A lei regulará: a) A audiencia dos cidadáns directamente ou a través das organizacións e asociacións recoñecidas pola lei, no procedemento de elaboración das disposicións administrativas que os afecten (...)”.
En base a este precepto constitucional, a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no seu artigo 133 regula a participación cidadá no procedemento de elaboración das normas.
Así, a participación pública efectuarase pola canle dunha consulta pública a través do portal web, co fin de solicitar a opinión dos suxeitos e das organizacións máis representativas potencialmente afectados pola futura norma acerca:
- Dos problemas que se pretenden solucionar coa iniciativa.
- Da necesidade e oportunidade da súa aprobación.
- Dos obxectivos da norma.
- Das posibles solucións alternativas regulatorias e non regulatorias
PROBLEMAS QUE SE PRETENDEN SOLUCIONAR COA INICIATIVA
A regulación da prestación do servizo de auto-taxi no termo municipal de Cangas segue o marco legal vixente na actualidade, a Lei 4/2013, do 30 de maio, de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia e o seu Regulamento de desenvolvemento, aprobado mediante Decreto 103/2018, do 13 de setembro.
Con todo, este Concello, aínda que permitiu dar cumprimento á necesidade de prestar o citado servizo, a inexistencia dunha regulación específica pon de relevo a urxencia de desenvolver unha norma para o efecto.
NECESIDADE E OPORTUNIDADE DA SÚA APROBACIÓN
A necesidade deste texto normativo deriva da adaptación ao marco legal vixente na actualidade, polo que se pretende aprobar unha Ordenanza municipal do servizo de auto-taxi que adapte o réxime xurídico municipal á normativa actual.
Resulta preciso aprobar unha Ordenanza municipal reguladora do servizo de taxi porque actualmente este municipio carece de toda clase de regulación ao respecto.
Así mesmo, as demandas do sector e as queixas cidadás en relación á prestación do servizo esixen a adopción dun marco xeral que permita un tratamento homoxéneo na concesión das licenzas, a regulación dos dereitos e obrigacións dos titulares de licenzas, condutores e usuarios, a adaptación do servizo ás novas necesidades sociais e de mobilidade e, en definitiva, a incorporación de medidas para a mellora da calidade e eficiencia do servizo.
OBXECTIVOS DA NORMA
O obxectivo da norma cuxa aprobación se pretende é regular o servizo municipal de taxi, esencialmente naquelas cuestións nas que o Concello debe establecer o seu criterio, tal como a imaxe dos vehículos, o procedemento para obter o certificado de aptitude profesional, medidas relativas á prestación do servizo, etc.
POSIBLES SOLUCIÓNS ALTERNATIVAS REGULATORIAS E/OU NON REGULATORIAS
Co novo texto quérese apostar por un modelo que responda ás necesidades actuais da cidadanía e do propio colectivo de profesionais do taxi, así como aos novos xeitos e modalidades de transporte que permitan solucionar os problemas de mobilidade das persoas que viven nas zonas rurais, fóra da zona urbana e, en especial, de certos tramos e idade e das persoas con necesidades diversas de mobilidade, así como tamén adoptar medidas destinadas a asegurar a prestación de servizos de transporte nocturno de taxi. Compre apostar por facilitar o acceso da veciñanza a infraestruturas de transporte supramunicipais como poden ser os hospitais ou aeroportos.
O contido e estrutura da futura ordenanza podería ser o seguinte, sen prexuízo de que atinxa a outras cuestións:
- Obxecto e competencias municipais
- Os títulos habilitantes
- Os vehículos de taxi
- As persoas condutoras do vehículo de taxi
- A prestación do servizo de taxi
- Dereitos e obrigacións das persoas usuarias e das profesionais do taxi
- Réxime económico
- Infraccións e sancións
- Disposicións adicionais
- Disposicións transitorias
- Disposicións finais
Polo exposto, de conformidade co previsto no art. 133.1 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, co obxectivo de mellorar a participación da cidadanía no procedemento de elaboración de normas.
DISPOÑO:
PRIMEIRO. Que se publique no portal web do Concello de Cangas e no taboleiro da Sede Electrónica, a consulta pública para recadar a opinión da cidadanía, dos/as profesionais do taxi e das organizacións representativas potencialmente afectadas pola elaboración da nova ordenanza, para que durante un prazo de 10 días hábiles a contar dende o día seguinte á súa publicación, os suxeitos e as organizacións máis representativas poidan presentar suxestións ou opinións ao respecto, entre outras, sobre os problemas que o regulamento trata de solucionar, a necesidade e oportunidade da súa aprobación, os obxectivos da norma, ou no seu caso as posibles solucións alternativas.
SEGUNDO. Que tras a finalización do prazo de consulta pública se continúe coa tramitación do expediente.
Cangas, a Sra. Alcaldesa, Araceli Gestido Rodríguez
- Log in to post comments