CANGAS ABORDA O LEGADO FEMINISTA DE BEGOÑA CAAMAÑO
O Concello de Cangas continúa coa programación do Mes das Letras Galegas cun novo encontro dedicado á figura de Begoña Caamaño, autora homenaxeada no Día das Letras Galegas 2026. Baixo o título “Xornalismo con conciencia. O legado feminista de Begoña Caamaño”, a actividade celebrarase o 22 de maio, ás 19:00 horas, no Salón de Plenos do Concello de Cangas.
A proposta centrarase nunha das dimensións fundamentais da traxectoria de Begoña Caamaño: o seu traballo como xornalista comprometida coa lingua, coa igualdade e cunha maneira de entender a comunicación como ferramenta de pensamento crítico e transformación social.
No encontro participarán Lara Salgado, Tensi Gesteira e Lara Graña, tres voces que achegarán diferentes miradas arredor do xornalismo, a cultura, a igualdade e a perspectiva feminista. A conversa estará moderada por Leonor Gala.
A actividade permitirá afondar na pegada de Begoña Caamaño como xornalista e escritora, mais tamén na vixencia do seu legado nun contexto no que o xornalismo continúa a ser un espazo clave para denunciar desigualdades, abrir debates e contribuír á construción dunha sociedade máis consciente e plural.
Este encontro forma parte da programación do Mes das Letras Galegas en Cangas, impulsada polo Concello de Cangas arredor da figura de Begoña Caamaño e da defensa da lingua e da cultura galegas.

- Log in to post comments



