Datos de contacto

Avda. de Castelao, 2. - 36940 - Cangas (Pontevedra).
Ver localización

+ 34 986 300 050

+ 34 986 304 850

info@cangas.gal

Horario de atención ao público: de luns a venres de 9:00 a 14:30.
Horario do Rexistro Xeral: de luns a venres de 9:00 a 14:00.


Proceso participativo sobre os festivos locais

O Pleno de Cangas aprobou no Pleno do 12 de setembro de 2016 a realización dunha consulta popular para determinar as datas dos festivos locais. Coa intención de cumprir este acordo plenario, a Concellería de Participación Veciñal, Transparencia e Asociacionismo levará a cabo un proceso participativo nos vindeiros meses para elixir os dous días que lle corresponde declarar como festivos ao Concello de Cangas dentro das súas atribucións.

A continuación, exponse brevemente como se pretende implementar esta consulta á cidadanía.

O procedemento a empregar é unha consulta veciñal non vinculante na que sairán dous días como opcións elixidas pola veciñanza para seren festivos locais. Despois, a corporación daralle oficialidade (para un período de tres anos 2019-20-21) mediante  aprobación plenaria.

Dende a área de Participación búscase que este proceso conte co apoio unánime de todos os grupos políticos que forman a  corporación, para que sexa a cidadanía de Cangas quen elixa de forma democrática os festivos locais.

En consecuencia, as bases, que xa foron entregadas aos representantes de todos os partidos da corporación, poden modificarse, froito das achegas que se propoñan e se consensúen coas distintas forzas políticas.

O martes, 20 de marzo, realizarase unha xuntanza con representantes de toda a corporación para estudar estas bases e chegar a acordos sobre achegas que se queiran facer.

O proceso participativo vaise desenvolver en tres fases: presentación de candidaturas, campaña e votación.

Poderán participar na consulta todas as persoas empadroadas en Cangas maiores de 16 anos a 31 de decembro de 2017.

Para a presentación de candidaturas é preciso presentar un aval mínimo de 50 persoas do censo, e unha breve explicación motivada sobre a candidatura.

O período de campaña é de 15 días naturais e a promoción das opcións débese realizar en positivo, defendendo a proposta elixida sen atacar as outras.

A votación realizarase un domingo en centros de votación distribuídos polas parroquias. Cada persoa pode votar nunha mesma papeleta dous días distintos, marcando cun “1” a primeira elección e cun “2” a segunda. No reconto as marcadas como primeira opción asignaránselle un valor de tres puntos e as marcadas como segunda asignaráselle un valor de un punto.

As dúas candidaturas que sumen maior puntuación logo do reconto serán os días propostos como festivos.

O proceso de presentación de candidaturas comezará en abril e a votación será a finais de maio, xa que se pretende non entrar con este proceso no verán.

A Concellería de Participación Veciñal, Transparencia e Asociacionismo quere aproveitar tamén está comunicación para animar á participación de persoas voluntarias para formar as mesas de votación e o posterior reconto. Todas as persoas interesadas deben anotarse xa na Oficina Municipal de Voluntariado no correo electrónico voluntariado@cangas.gal ou no número de teléfono 986 39 21 71.