Datos de contacto

Avda. de Castelao, 2. - 36940 - Cangas (Pontevedra).
Ver localización

+ 34 986 300 050

+ 34 986 304 850

info@cangas.gal

Horario de atención ao público: de luns a venres de 9:00 a 14:30.
Horario do Rexistro Xeral: de luns a venres de 9:00 a 14:00.


Actividades cuadrimestrais da Concellaría de Servizos Sociais

8 de marzo

O 8 de marzo ás 20:00 horas realizarase unha manifestación que sairá desde o Concello. Como apoio, ese mesmo día levarase a cabo unha concentración en horario de 12:30 ás 13:00 horas.

A Concellaría de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade presentou nesta xornada as actividades que se van realizar no primeiro cuadrimestre deste ano, todas elas aprobadas polo Consello Municipal de Igualdade.

Trátase dun programa feminista, de gran importancia, enmarcado dentro da programación do 8 de marzo, día Internacional da Muller Traballadora que este ano se adica a Fina Acuña debido á súa iniciativa por levar a cabo a creación dunha formación (Adicam) para loitar polos dereitos relacionados coa saúde das mulleres e polo seu traballo como presidenta da mesma. En colaboración con esta asociación, o 2 de marzo inaugurarase a exposición ‘Fina Acuña Graña’ na Casa da Bola.

Seis días máis tarde, terá lugar un dos eventos de maior relevancia: a folga do 8 de marzo. Para darlle apoio e visibilidade vaise organizar unha concentración diante do Concello ese mesmo día de 12:30 a 13:00 horas. Será ás 20:00 horas cando teña lugar a manifestación, que sairá da Casa Consistorial para percorrer as rúas de Cangas. Ao rematar, farase lectura do manifesto polas integrantes do Consello.

Xunto a Concellaría de Cultura, programouse a función ‘Elisa e Marcela’ a cargo de A Panadería en coprodución co Centro Dramático Galego. Trátase dunha historia ambientada no ano 1901 na que se defenden os dereitos das parellas lésbicas: “Elisa e Marcela casan na igrexa de San Xurxo na Coruña. Para conseguir enganar ao cura e facer oficial o seu amor, Elisa transfórmase en Mario”. Terá lugar no Auditorio municipal o día 11 ás 20:00 horas.

Outro punto forte da programación producirase co concerto de Carmen Penín o 17 de marzo para presentar o disco ‘Herdeiras’, no cal “se fala da muller e de dereitos, da construción da identidade, da visibilización, do sentido da herdanza, recuperando historias de mulleres resistentes e solidarias, represaliadas ás veces por ter loitado por dereitos que hoxe consideramos obvios”.

Unha semana máis tarde, o sábado 24, desenvolverase un taller de Autodefensa de tres horas de duración no que se proporán dinámicas para realizar un traballo progresivo, abordando tanto técnicas físicas como elementos emocionais ou relacionais desde unha perspectiva de crear e ampliar as posibilidades fronte a violencia. Para participar nel é necesario anotarse a través do Centro de Información á Muller.

En abril pecharase esta programación coa exposición ‘Sorrisos Trans*formadores’, do 3 ao 15 dese mes, e a charla de Cristina Palacios, presidenta da Asociación de Familias de Menores Trans de Galicia, o día 4. ‘Sorrisos Trans*formadores’ é un proxecto que ten como obxectivo dar visibilidade ao conxunto LGTBI, fomentando así a igualdade de oportunidades, o respecto á diversidade e o dereito de ser diferentes. A mostra é unha iniciativa da Deputación provincial en colaboración con Arelas. Estas últimas actividades desenvolveranse todas no Auditorio municipal de Cangas.

A maiores contémplase organizar o obradoiro ‘Teatro Foro para Avós e Avoas’, que estará dividido en catro sesións nos que se representarán diferentes situacións cotiás carentes de igualdade e nas que as persoas participantes deberán procurar estratexias de solución. O taller diríxese ás avoas e aos avós que forman parte do coidado e educación dos seus netos e netas para que así poidan traballar método coeducativos no trato ás crianzas. Polo momento, a súa data e hora está pendente de confirmación pero contará cunha inscrición previa no Centro de Información á Muller e no Centro Municipal de Benestar Social.

Biblioteca Igualdade

O Consello de Igualdade aprobou a creación dunha sección na biblioteca de Cangas dotada de libros, documentais ou estudos sobre aspectos como a igualdade, o feminismo, os dereitos sexuais ou a diversidade, entre outros temas.

Todas as persoas ou colectivos que o desexen poderán doar os materiais que consideren para este espazo, así como facer solicitudes ou propostas sobre a documentación que debe estar incluída nel. Estas mensaxes débense facer chegar á dirección de correo ennegro@cangas.gal. De feito, a inauguración deste espazo está pendente da dotación de material.

Cómpre salientar que se está falando dun lugar dedicado a Dolores Blanco Montes, dirixente do Sindicato La Reivindicadora. Dolores Blanco Montes, nace en Cangas no 1885 e falece en 1947. Atadeira e conserveira de profesión, muller que desenvolveu unha importante labor como responsable dos órganos de dirección dun sindicato. Ocupou a presidencia do sindicato a Reivindicadora, creado en xaneiro do 1935, que aglutinaba ás atadeiras e traballadoras das conserveiras de Aldán, Cangas e Hío. Polo seu labor na reivindicación dos dereitos das traballadoras foi paseada no ano 1936, posteriormente foi xulgada en Consello de Guerra e condenada por rebeldía a 12 anos e 1 día  que cumpriu no Penal de mulleres de Saturrarán (Guipúzcoa).

 

Descargas