Ir o contido principal

Rutas

Ruta cultural das Capelas

Hoxe en día consérvanse capelas e ermidas en cuxo interior venéranse imaxes sacras, sendo de interese turístico sobre todo polas romarías que se celebran nos seus adros. Cabe destacar que en cada parroquia atópanse exemplos de distintas épocas e estilos, dende o románico ao barroco.

Ruta cultural polo casco histórico

A vila de Cangas e a súa zona monumental acollen un rico patrimonio artístico. Neste antigo burgo de pescadores, legado de arquitectura mariñeira, fúndense as súas raíces de tradición medieval cun presente de grande vitalidade embelecido polos novos edificios contemporáneos.

Senda costeira Cangas-Donón

A senda costeira de Cangas-Donón ofrece ao visitante dende espazos protexidos pola Rede Natura 2000 a xoias arqueolóxicas en paraxes inesquecibles: a lagoa da Congorza, Areamilla, o complexo dunar Nerga-Viñó-Barra, a Costa da Vela, o monte Facho, pasando pola zona industrial Massó, a capela de Santa Marta e o rego de Donón.

Sendeiro Azul (Roteiro de Donón)

O sendeiro azul que percorre a Costa da Vela durante uns 11 km permítenos visitar xacementos arqueolóxicos, antigos muíños e hórreos, os faros de Punta Subrido, Punta Robaleira e Cabo do Home, a praia de Melide, e mesmo contemplar as Illas Cíes dende o punto da terra máis preto a elas.

Sendeiro Circular da Costa de Soavela. O Hío

O Sendeiro da Costa de Soavela, na parroquia de O Hío, conta con numerosos atractivos paisaxísticos e patrimoniais. Na propia saída temos o belo conxunto arquitectónico formado polo cruceiro, a igrexa e a casa reitoral.

Sendeiro Circular da Serra da Madalena

O Sendeiro da Serra da Madalena é o que acada cotas máis altas, chegando a 334 mts no monte Leboreiro. Este sendeiro percorre os curutos dos montes da serra e as vistas son espectaculares, tanto á ría de Vigo como á ría de Aldán e á de Pontevedra, e tamén as Illas Cíes e a Ons. Nun día ben despexado, aínda alcanzaríase a ver a illa de Salvora e a Curota, en Ribeira.  

Sendeiro Circular das Pedras de Coiro

O Sendeiro das Pedras de Coiro ten o atractivo de percorrer as zonas máis verdes e frondosas do Concello de Cangas. Por algo, a masa boscosa do Carballal,  compartida entre Cangas, Bueu e Moaña, representa o mellor expoñente de bosque caducifolio da Península do Morrazo.

Sendeiro circular de Varalonga

O Sendeiro de Varalonga é o máis curto dos percorridos, mais neste pequeno itinerario atopamos varios puntos de interese.

Sendeiro Circular do Monte Castelo

O Sendeiro do Monte Castelo quizais sexa a ruta máis próxima para os que partan do centro de Cangas. Chegar camiñando dende o porto ao punto de saída do sendeiro, como é a ermita de San Roque,  non levará máis de 15 minutos.

Visita cultural ao cruceiro de Hío

A igrexa de Hío é importantísima polo seu famoso cruceiro, obra do mestre Cerviño, un dos máis importante dos que se conservan en Galicia. Un poema de teoloxía escrito en pedra de finais do século XIX (1872), de estilo barroco con aire teatral e tallado na súa maior parte nun único bloque.